La casa
Localizada no casco histórico de Vilanova, na confluencia das rúas Luces de Bohemia e Priorato, atoparás a impoñente Casa do Cuadrante.
Esta residencia solariega data do século XVI, aínda que sufriu varias reformas. Unha das últimas realizouse a mediados do século XIX reconverténdose nun edificio de estilo pacego ou tradicional “casa grande urbana” de familia de clase alta. A pesares de que a Casa do Cuadrante é o produto da anexión de elementos que se foron engadindo ao longo de moitos anos, toda ela responde a unha tipoloxía propia da zona na que está integrada.
A Casa do Cuadrante
Na orixe, pertencía ao Priorado Benedictino de Vilanova de Arousa e, desgarrados estes bens, foi adquirida por Francisco de la Peña Cardecid e Josefa Montenegro y Saco Bolaño, avós maternos do escritor. Cando a familia Valle Peña deixou de residir no pobo, o escritor aloxábase no Cuadrante cando regresaba a Vilanova de Arousa. Por aquel entón, alí vivían uns primos, que lle tiñan reservada unha habitación.
O inmoble estivo habitado ata os anos 90’s, cando quedou practicamente abandonado. En 1994, o edificio sufriu un terrible incendio, perdéndose case todo o que había no seu interior. Ao ano seguinte, o Concello de Vilanova de Arousa, no seu afán por manter viva a súa memoria, adquiriu o inmoble para rehabilitalo e convertelo na Casa-Museo Valle-Inclán.
Declaración de Monumento Histórico Nacional
A Casa do Cuadrante foi declarada monumento histórico nacional en 1976 polo decreto 249/1976 de 9 de xaneiro. No documento declárase que foi nela onde naceu o 28 de outubro de 1866, Ramón José Simón del Valle Peña, coñecido posteriormente como Ramón María del Valle-Inclán.
José Caamaño Bournacell, en Por las rutas turísticas de Valle-Inclán. Guía para conocer y caminar (Madrid, 1971), indica que Valle-Inclán “naceu na alcoba principal na Casa denominada do Cuadrante, na rúa Priorato na que, aos poucos días, foi levado en brazos da súa nai, Doña Dolores Peña y Saco Bolaño á do “Cantillo”, na Praza de San Mauro”. A importancia desta vivenda tamén se fai patente na obra do escritor, formando parte da configuración da estética valleinclaniana.