![Primera planta](https://casamuseovalleinclan.vilanova.travel/wp-content/uploads/2024/09/Cabecera-primera-planta.jpg)
Interior
Planta alta
A primeira planta, á que poderás acceder a través do patín interior, levarache por unha viaxe no tempo, coa recreación da vivenda que coñeceu Valle-Inclán, seguindo a estrutura da tradicional casa grande urbana galega de principios do século XIX. Durante o percorrido, penetrarás nas distintas estancias que viron nacer e desenvolverse a un dos xenios da literatura española.
![Salón](https://casamuseovalleinclan.vilanova.travel/wp-content/uploads/2024/09/salon-1-min.jpeg)
![Cocina](https://casamuseovalleinclan.vilanova.travel/wp-content/uploads/2024/09/Cocina.jpeg)
A COCIÑA
Xa no primeiro piso, un dos lugares que chamará máis a túa atención será a cociña, conformada como un dos espazos centrais da casa. Está presidida pola tradicional lareira galega. Este era o lugar onde se facía o fogo e onde tamén se preparaba a comida (as ollas adoitaban posarse sobre uns trípodes de metal). O fume saía pola campá ou cambota que finaliza nunha cheminea de cantería. Esta contaba cun sistema interno que permitía a saída de fumes e que impedía a entrada da choiva.
Cerca da lareira adoitábase colocar un banco largo de madeira (denominado escano), localizándose a mesa nun recuncho da cociña. O vertedoiro está debaixo da ventá para aproveitar a luz natural.
Os armarios, por aquel entón, ían abertos e incluso se aproveitaban de posibles buratos que houbese nos muros para este uso. Outro dos elementos característicos da cociña tradicional dunha casa galega desta época era a artesa. Trátase dunha especie de caixón de madeira no que se gardaban alimentos e cuxa superficie se empregaba para amasar.
Dentro das obras de Valle-Inclán atópanse varias mencións ás cociñas, xa que nelas se atopaban as distintas clases sociais. Alí comíase, descansábase, rezábase, contábanse contos e coincidían tanto os señores da casa, como os empregados, os provedores… e ata o cura.
![](https://casamuseovalleinclan.vilanova.travel/wp-content/uploads/2024/09/Salon.jpeg)
O SALÓN
Considerado como o espazo de “respecto”, o salón utilizábase unicamente para recibir visitas ou para algunha celebración especial, xa que a vida cotiá transcorría entre a cociña e o comedor diario. O seu mobiliario e os obxectos de decoración reflexan claramente o modo de vivir dunha familia acomodada da época.
Destacan especialmente a colección de reloxos do século XIX. Atoparás reloxos españois de estilo francés, de estilo románico, de guarnición e ata un reloxo Moretz de parede, entre outras pezas.
![Comedor](https://casamuseovalleinclan.vilanova.travel/wp-content/uploads/2024/09/Comedor.jpeg)
O COMEDOR
Aquí se realizaban o almorzo, comida e cena diarios. A diferencia da cociña, aquí non existe a mestura de clases. Os criados so entraban para servir a comida e retirala, xa que onde eles comían era na cociña.
Este era o espazo de transición aos dormitorios, de carácter aberto e de paso. Como poderás comprobar, a súa distribución está moi enfocada a promocionar comodidade no día a día e versatilidade no seu uso, máis aló de cuestións como a decoración.
Presta especial atención ao fragmento da película dos anos 20 La Malcasada, cedida pola Filmoteca Nacional, que poderás ver no comedor da Casa-Museo. Nel aparece Valle-Inclán no estudio de Julio Romero de Torres, posando xunto a actriz María Banquer. Esta peza considérase unha xoia do audiovisual da época por axuntar máis de cen personalidades durante a película, entre as que se atopaba o propio Francisco Franco, ou o famoso toureiro Juan Belmonte, amigo do autor e cuxo nome aparece na produción valleinclaniana, por exemplo, na súa comedia Los cuernos de Don Friolera.
Unha vez que conclúe esta secuencia da película poderás escoitar a voz de Valle-Inclán lendo un fragmento da súa afamada Sonata de Otoño. Esta é unha gravación realizada no seu día polo literato para o Arquivo da Palabra e da que podes desfrutar durante a túa visita á Casa do Cuadrante de Vilanova de Arousa.
Chamará a túa atención que, no fondo esquerdo da estancia, se atopa un recuncho que foi moi importante na infancia de Valle-Inclán e que así se viu reflexado nas súas obras. Trátase do recuncho da fiadora que menciona con detalle en Xardín Umbrío:
“Tiña a miña avoa unha doncela moi vella que se chamaba Micaela la Galana. Morreu sendo eu aínda moi neno. Recordo que pasaba horas fiando no buraco dunha ventá e que sabía moitas historias de santos, de almas en pena, de trasgos e de ladróns. Agora eu conto as que ela me contaba, mentes os seus dedos engurrados daban voltas ao fuso. Aquelas historias dun misterio candoroso e tráxico asustáronme de noite durante os anos da miña infancia e por iso non as esquecín. De tempo en tempo aínda se levantan na miña memoria, e como se un vento silencioso e frío pasase sobre elas, teñen o longo murmuro das follas secas. O murmurio dun vello xardín abandonado!”
![Dormitorio](https://casamuseovalleinclan.vilanova.travel/wp-content/uploads/2024/09/Dormitorio.jpeg)
DORMITORIOS
A Casa do Cuadrante conta con varios dormitorios. Estes supoñían a parte máis “flexible” da casa galega típica da época. Estas estancias ían modificándose de acordo coas necesidades, de modo que se incrementaban a medida que fose aumentando a familia.
Por elo, non resulta estraño encontrar pequenas alcobas, creadas no seu momento tabicando unha das antigas estancias para poder habilitar un espazo para un novo membro da familia. O dormitorio principal é o único denominador común ao longo da historia da Casa do Cuadrante, mentres que os secundarios fóronse modificando ao longo do tempo. Estes localizábanse en liña paralela a fachada principal da casa e chegou a haber dous máis dos existentes actualmente. Na túa visita á Casa-Museo poderás ver a variedade de tamaños ou como se colocaban os antigos mobles destinados ao aseo diario.
![Despacho](https://casamuseovalleinclan.vilanova.travel/wp-content/uploads/2024/09/Despacho.jpeg)
DESPACHO
Como curiosidade, atoparás un pequeno despacho que recrea ese espazo para a creación e onde Valle-Inclán podería haber dado uso a súa privilexiada pluma durante o proceso de escritura da súa primeira novela Femeninas, nada na mesma terra vilanovesa que o seu autor. Neste espazo únense literatura, economía e ocio. Destacada é tamén a colección de pipas que poderás ver, fiel testemuña da calidade e orixinalidade da ebanistería típica da época.