Interior
Planta baixa
“Gustábame a acción; gustábanme as empresas arriscadas… Sendo un bebé, aínda en brazos da aia, encantábame que me baixaran aos cortellos, a tocar a testa das vacas. Aínda teño viva a impresión que me producían os seus ollos húmidos, enormes. En canto fun un pouco maior apliqueime a realizar un feito que a min entón parecíame épico: pasar por debaixo das cabalerías e as vacas, entre as súas patas…”
Así describía Valle-Inclán -nunha entrevista publicada en El Heraldo de Madrid o 13 de marzo de 1926- os recordos que tiña da planta baixa da Casa do Cuadrante. Por aquel entón, toda esta área estaba ocupada polas cadras -divididas por tabiques para separar os animais-, as adegas, ademais dos apeiros propios dunha casa rural da época.
A calor desprendida polas cortes servía de calefacción para a casa en inverno. Para conservar a calor, a ventilación realizábase a través duns pequenos buracos abertos nas paredes, chamados bufardas. Aínda hoxe de poden ver ditos respiradoiros na planta baixa da edificación.
Na actualidade, este espazo dedicase ás dependencias administrativas municipais, a oficina de turismo, a recepción e unha ampla sala de exposicións. Poderás realizar un repaso a través da vida e obra de Valle-Inclán descubrindo auténticos tesouros editoriais.
Nas vitrinas poderás ver medio centenar de primeiras edicións de varias das obras do escritor. Entre elas non faltan a Sonata de Otoño (1901), de Estío (1903), de Primavera (1904), ou os contos de Jardín Umbrío (1903), onde se fan varias referencias á propia Casa do Cuadrante. Outros dos títulos de referencia que poderás ver do literato son Divinas palabras (1920), Luces de bohemia (1920), que deu lugar ao particular esperpento valleinclaniano, ou Martes de Carnaval (1930).